Consta duns 1.700 camiños e 150 fincas
Os veciños dispoñen ata final de agosto para cotexar a información
O alcalde destaca que Abegondo será un dos poucos municipios galegos en dispoñer dun inventario actualizado
O Concello de Abegondo púxose mans á obra para confeccionar o seu inventario municipal. A lista de bens que se considera son propiedade do Concello está exposta ao público para comprobar que está correcta e así levar a pleno o inventario.
A listaxe componse de todos os bens municipais, especialmente os camiños e as fincas. Estímase que son 1.700 as vías do Concello e unhas 150 parcelas.
Os veciños dispoñen ata finais de agosto para acceder á lista e realizar as observacións oportunas se estiman que existe algún erro. Con este proceso, explica o alcalde, cotexarase que a relación de bens é a adecuada, coas propiedades que lle corresponde ao Concello.
Unha vez finalizado o período de exposición pública, o Concello realizará as correccións que sexan menester e levará o inventario ao pleno da corporación, órgano competente para a súa aprobación. Coa actualización dos bens actualizaranse consecuentemente os datos no catastro.
Santiso sinala que ao remate deste proceso, o Concello de Abegondo será dos poucos galegos que conten cun inventario municipal de bens. O rexedor recorda que se trataba dunha demanda expresada por veciños e por iso apostou por acelerar o trámite.
Co inventario actualizado coñeceranse con exactitude as propiedades do Concello, cuestión fundamental nun concello galego. Isto servirá para analizar a situación e programar actuacións.
San Marcos, 1 - 15318 ABEGONDO