Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Presentación do Plan Piloto de Xestión de Montes

Imaxes

Abegondo, 22 de novembro de 2011. O Concello de Abegondo presentou hoxe o plan piloto en Galicia que desenvolve para a xestión de montes no ámbito local. Ao acto acudiron numerosos propietarios de terreos forestais do municipio e representantes de empresas do sector na comarca, coa intención de coñecer de primeira man en que consiste a iniciativa.

Este proxecto converterá o Concello en nexo de unión entre os propietarios das terras forestais e as empresas ou entidades que poidan formular demandas deste tipo de solo. Entre as múltiples aplicacións que permitirá encóntrase a de propiciar que os propietarios de terreos adxacentes se poidan poñer de acordo e facer un plan de ordenación forestal que permita revalorizar as súas propiedades, a venda dos produtos que xeran as terras (madeira, castañas, biomasa...) ou a concorrencia a subvencións.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, apuntou na presentación que a idea consiste en promover o aproveitamento do solo forestal, de forma sostible, á vez que se trata de incrementar a riqueza que proporcionan este tipo de terreos. Neste sentido, revelou que o Concello xa contactara con empresas do ámbito da biomasa interesadas na limpeza gratuíta de montes e terras abandonadas.

Para o primeiro edil, o papel da administración local debe ser o de preservar o medio ambiente á vez que propiciar o desenvolvemento económico. Así, anunciou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal, en trámite tras a súa aprobación inicial por parte do pleno, inclúe unha protección de 100 metros ao redor dos núcleos de poboación para a plantación de especies arbóreas.

O Sistema de Apoio á Xestión dos Montes no Eido Local (Saxmel) encóntrase en fase de desenvolvemento, co financiamento de Novagalicia (antiga Novacaixagalicia). A decisión de entrar a formar parte do sistema é totalmente voluntaria para os propietarios e empresas, que se así o deciden serán dados de alta nunha base de datos que inclúe as súas necesidades e demandas, co obxecto de que o Concello sirva de enlace para establecer sinerxias entre eles, para transmitirlles proxectos innovadores ou para mellorar calquera tipo de xestión relacionada cos montes.

Esta iniciativa, explica Santiso, supoñerá vantaxes en catro áreas. A nivel medioambiental, porque promoverá un aproveitamento sostible; a nivel económico, porque atraerá riqueza; a nivel social, porque fomentará a participación na sociedade rural; e a nivel de emprego, porque os proxectos requirirán postos de traballo.

As previsións do Concello pasan porque en 2012, tras concluír a fase de deseño do sistema, este se implante. Logo abriríase o proceso para incluír os propietarios e empresas. O goberno local confía en que o 60 ou 70% do territorio forestal de Abegondo estea rexistrada. As zonas piloto escollidas para iniciar o sistema son Cullergondo, Vizoño, Vilacoba, Leiro e Sarandós.

Unha vez que o sistema se implante e se se comproba que funciona, a idea do Concello é poder exportalo a outras zonas. Santiso avanza que o trasladará ao Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.

 

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)