Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

O goberno local logra un incremento nos orzamentos dun 13,6% con respecto a 2011

As políticas de aforro emprendidas permiten que o Concello estea saneado pese á crise

A boa saúde económica do Concello de Abegondo permitiulle ao goberno local non só manter o montante orzamentario para 2012, senón lograr un forte incremento, dun 13,6%, respecto ao ano 2011. Os orzamentos, aprobados polo pleno da corporación, ascende a un importe de ingresos e gastos de 3.226.834,79 euros.

Este incremento dos ingresos, e que por tanto posibilita un maior investimento, explícase principalmente por tres motivos. En primeiro lugar, polo superávit obtido en 2011 de 353.000 euros, cantidade que lle permite ao Concello actuar con solvencia económica. O remanente de tesouraría mide o diñeiro que dispón o Concello nesa data, unha vez resoltas as débedas e efectuados os cobros correspondentes.

En segundo lugar, polo ingreso extraordinario de 129.301,11 euros, máis os intereses correspondentes, que efectuará o Concello da Coruña. Corresponden ao pago do IBI do Encoro de Abegondo - Cecebre.

E en terceiro lugar, pola aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se estima que entrará en vigor ao longo do verán. Con iso, o Concello espera un incremento substancial da recadación por licenzas urbanísticas e polo imposto de construción.

O alcalde asegura que o Concello proseguirá coa política de "total contención do gasto e aforro en todas as áreas". "Este camiño é o que nos levou a ter un Concello totalmente saneado con independencia da crise", afirma.

Santiso resalta o ínfimo nivel de endebedamento bancario que presenta a economía municipal, reducindo o préstamo nun 35%. "Esta boa saúde permitiu que declinásemos o crédito ICO proposto polo Goberno. Temos capacidade para afrontar as nosas obrigacións sen ningún problema", sinala.

O rexedor destaca que mentres a tendencia xeral nas administracións locais é de fortes descensos orzamentarios, Abegondo logra este ano un notable crecemento. En parte é propiciado pola aprobación do Plan Xeral que "posibilitará o desenvolvemento económico do municipio en xeral", apunta.

Investimentos

Este incremento nos ingresos propiciará que o capítulo de investimentos supoña un 13,126% do total, é dicir, 423.560,07 euros. O principal investimento efectuarase en Abegondo, onde se humanizará a praza fronte á igrexa de Santa Eulalia, coa axuda do Plan de Obras da Deputación, que requirirá 160.000 euros.

A mellora da contorna da igrexa de Abegondo constitúe unha demanda trasladada polos veciños ao Concello. O espazo se ha ir deteriorando co paso do tempo e os residentes apostaban por reformalo para que siga funcionando como punto de encontro da parroquia. A intervención conterá, entre outros traballos, a creación dunha zona de aparcadoiro, a apertura da estrada que conduce á zona traseira e, en xeral, o acondicionamento e embelecemento da zona.

Outro gran investimento, de case 40.000 euros, destinarase ao saneamento en Mabegondo. Consiste na construción da rede de sumidoiros en Outrís, poboación que se atopa na estrada de San Pedro de Nós a Crendes, xunto á autoestrada.

Polo demais, o capítulo de investimentos inclúe a dotación dun vehículo para Protección Civil, saneamento en Cullergondo e Xuanzo, reparación de fontes, melloras na Casa do Concello ou instalacións de iluminación.

Un 13,8% dedicado a servizos sociais

O capítulo de gastos reserva unha gran contía para os servizos sociais e sanitarios. Un 13,8% do orzamento dedícase a este fin, é dicir, 446.800,29 euros. Con este gasto proporcionarase atención ás persoas con dependencia, situacións de emerxencia social, igualdade ou maiores.

O goberno local aposta por destinar "a contía necesaria" ás persoas que máis o necesitan, tendo en conta sobre todo a situación económica actual de moitas familias.

 

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)