Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo aproba de forma provisional o PXOM adaptado á nova Lei do Solo

O goberno local estima que as licenzas poderán comezar a concederse a finais do verán

Imaxes

O Concello de Abegondo celebrou a finais do mes de xuño un pleno histórico. A corporación decidiu, sen ningún voto en contra, a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que será un instrumento de planeamento adaptado á nova Lei do Solo.

Esta decisión abre as portas a que o municipio poda acadar o desenvolvemento urbanístico que necesitan os veciños e que lle corresponde polo seu lugar estratéxico na área metropolitana da Coruña.

Con esta aprobación do Plan de forma provisional, este foi remitido á Xunta de Galicia, que terá que informalo favorablemente para que sexa aprobado de forma definitiva e poida entrar en vigor. As previsións do alcalde pasan por que este visto e prace definitivo se produza durante o verán, momento no que Concello poderá comezar a dar licenzas urbanísticas.

Este é precisamente un dos obxectivos que persegue o equipo de goberno. Co plan paralizado no seu día, o concello demanda unha ordenación que poda impulsar o crecemento e o progreso.

Isto tamén se notará a nivel económico: os orzamentos, que foron aprobados en pleno no pasado mes de xuño, medran un 13% con respecto ao ano 2011, entre outros aspectos, polo incremento nos ingresos por licenzas urbanísticas e polo ICIO.

O Concello puido o PXOM, de forma provisional, grazas ao informe ambiental favorable que recibiu da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. A memoria ambiental aprobada especifica como se garante a sustentabilidade da ordenación urbanística. Nela figura desde a análise do medio, até os obxectivos, estudo do alternativas, viabilidade económica ou o plan de seguimento previsto.

Esta aprobación da memoria ambiental uniuse aos informes favorables recibidos nas pasadas semanas pola Dirección Xeral de Infraestruturas, a Dirección Xeral de Patrimonio, ou Estradas do Estado, todos necesarios para a aprobación provisional do PXOM.

O alcalde de Abegondo mostra a súa satisfacción porque o Plan contase cos visto e prace de todas as administracións públicas que debían pronunciarse, "o que demostra que as cousas se realizaron de forma correcta", analiza. Santiso agradece a celeridade coa que traballou a Xunta para axilizar a tramitación ambiental do Plan "que Abegondo necesitaba de forma urxente".

 

 

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)