Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo inaugura o parque fluvial de Beche, que acollerá piragüismo e pesca deportiva

Ao acto, presidido por Santiso e Anido, acudiron uns 300 veciños. O espazo conta cun embarcadoiro e unha senda que rodea o encoro onde se plantaron árbores e arbustos autóctonos

Imaxes

Abegondo, 17 de maio de 2012. O Concello de Abegondo inaugurou no mediodía de hoxe o novo parque fluvial de Beche, actuación que converte o encoro en navegable e fai nacer un espazo natural para o ocio dos veciños.

O acto inaugural contou coa presenza duns 300 veciños da zona. Dado que a actuación foi incluída no Plan de Dinamización do Produto Turístico da Área Metropolitana, o presidente do Consorcio As Mariñas e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, foi o encargado de inauguralo. Estivo acompañado do presidente da Comisión de Turismo e alcalde de Sada, Ernesto Anido, e concelleiros do Concello.

Como recordo da obra, descubriuse unha escultura conmemorativa realizada polo artista Escudero, que dá a benvida ao visitante. O sacerdote bendiciu o parque fluvial e os gaiteiros entoaron o himno galego.

Santiso amosouse moi contento polo resultado da obra. Anunciou que os pequenos do municipio se poderán iniciar na práctica de piragüismo en Beche, onde se promoverá tamén a pesca deportiva.

Coa actuación, o equipo de goberno pretende aproveitar as características do encoro e tanto para o deporte como para o asueto. Por iso, o proxecto ofrece características que o farán un lugar de recreo apetecible para persoas de calquera idade.

Unha senda perimetral rodea todo o encoro, incluíndo unha ponte sobre o río Roufrío. Ao longo deste camiño, instaláronse un total de 19 árbores e 19 bancos, en recordo das 19 parroquias que conforman o municipio abegondense.

De cara a propiciar a navegabilidade do encoro, colocouse un pequeno pantalán que servirá de punto para botar as embarcacións. Dotouse o espazo de equipos completos de remo e equipos de pesca fluvial, que serán almacenados en dous contedores para que poidan ser utilizados de forma inmediata.

A actuación completouse co acondicionamento dunha pequena explanada que servirá como aparcadoiro para os vehículos. Así mesmo, ao longo da senda plantáronse arbustos autóctonos. A obra requiriu un investimento de preto de 150.000 euros.

Santiso aposta pola creación de novos espazos e opcións que fomenten a actividade turística do termo municipal. "Estou convencido de que serán moitas as persoas dos arredores que veñan a Abegondo expresamente por este motivo", augura. E é que o alcalde considera que o encoro de Beche "converterase nun referente na comarca".

Ao remate do acto, as autoridades e os veciños percorreron a senda ao completo, despois de que Santiso, Anido, e o xerente do PDPT, Julio Ramos, cortasen a cinta.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)