Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo celebrou o seu patrón San Marcos coa XXI Festa da Terceira Idade

O alcalde agradeceu a comprensión dos veciños para “dar exemplo” e apostar polo cofinanciamento do evento. “A decisión foi axeitada e responsable. O que temos que garantir son os fondos para servizos sociais”, explicou.

Imaxes

Abegondo, 25 de abril de 2012. Os veciños celebraron o patrón, San Marcos, e entre os actos da xornada tivo lugar a Festa da Terceira Idade que organiza o Concello alcanzado este ano a súa edición vixésimo primeira.

O polideportivo de San Marcos albergou unha vez máis o festexo ao que asistiron veciños de todas as parroquias abegondenses. Finalmente, a concorrencia foi de aproximadamente 500 persoas, case 200 menos que o pasado ano pasado, cando o número exacto de comensais foi de 690.

Esta edición é a primeira na que os asistentes contribúen economicamente a financiar a festa. Cada un dos maiores pagou 10 euros, o que supón aproximadamente un terzo do que costa o total da celebración (comida, transporte, actuacións musicais, etc).

A gran maioría entendeu esta decisión e incluso algúns veciños asistiron este ano por primeira vez dado que non compartían que a festa anteriormente fose gratis. Así o desvelou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, na súa intervención de benvida aos asistentes, na que se referiu claramente á introdución da cota.

"Nestes tempos que corren cremos que había que dar exemplo introducindo un cofinanciamento lóxico para estes eventos", afirmou. O rexedor tamén aclarou que a Festa da Xuventude é cofinanciada na metade dos gastos pola instalación do bochinche, así que non é o Concello quen asume todo o pago.

Santiso mostrouse satisfeito pola afluencia de veciños ao festexo e agradeceu a comprensión dos maiores nunha época onde os esforzos das administracións deben residir nos que máis o necesitan. "Cremos que a decisión foi axeitada e moi responsable. Onde temos que garantir os fondos é sobre todo nos servizos sociais", explicou.

A Festa da Terceira Idade estivo presidida ademais pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Faraldo, a concelleira de Sanidade, Laura Calvo, así como edís do grupo de goberno e dalgún grupo da oposición, ex alcaldes e a Garda Civil.

O evento comezou coa tradicional misa que incluíu as voces do Coro da Terceira Idade. Tras a comida chegou o momento de compartir baile co resto de maiores de Abegondo.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)