Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo impulsará a práctica do atletismo entre os veciños

O alcalde reuniuse co presidente da Federación Galega de Atletismo para programar accións conxuntas. O Concello estreará esta iniciativa cunha xornada multidisciplinar. O municipio poderá acoller unha competición de campo a través.

Abegondo, 23 de marzo de 2012. O Concello de Abegondo planea potenciar o atletismo no municipio, tanto no programa de actividades municipais como na organización de campionatos de relevancia. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, mantivo onte unha reunión co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, para analizar as posibilidades de acción conxunta de ambas as dúas entidades.

"A intención de ambas as dúas institucións consiste en potenciar o atletismo como das actividades máis saudables que se poden realizar", afirma o rexedor. Por iso, Santiso e Hornillos concretaron actuacións conxuntas no horizonte do próximo verán.

No mes de xuño, Abegondo acollerá unha xornada multidisciplinar dirixida aos nenos e mozos e mozas do municipio. Tratarase dunha actividade que aglutinará as diferentes modalidades de atletismo, desde probas de carreira e velocidade ata disciplinas como o lanzamento de xavelina. O obxectivo consistirá en dar a coñecer todas as vertentes deste deporte e animar a practicalo.

Xa en verán, o Concello incorporará, por primeira vez, ao seu programa de actividades dirixidas aos veciños o atletismo. Celebrarase dous días á semana, contando coa colaboración da federación.

Ademais, na reunión expuxeron a posibilidade de que Abegondo acolla unha proba de campo a través. Os nenos e mozos abegondenses xa responderon con éxito a esta disciplina participando 40 deles no campionato realizado hai poucos días na Torre, na Coruña.

O goberno local entende que o territorio abegondense pode resultar idóneo para albergar unha competición desta modalidade. Entre os enclaves válidos poderíase encontrar a contorna do encoro de Beche.

O alcalde aposta por "renovar na medida do posible os programas municipais introducindo alternativas inéditas no Concello".

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)