Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Patrimonio autoriza o Concello a acometer a ampliación do centro social de Folgoso

O inmoble encóntrase nas inmediacións da igrexa e do cruceiro de Santa Dorotea. O proxecto aposta por unha sinxeleza arquitectónica para reducir a incidencia

Abegondo, 26 de marzo de 2012. O Concello de Abegondo recibe a luz verde da Dirección Xeral de Patrimonio para emprender a ampliación e reforma do centro social de Folgoso. Trátase dunha actuación de consenso entre o goberno local que preside José Antonio Santiso Miramontes e os veciños da parroquia.

A autorización de Patrimonio era necesaria dado que o centro se encontra nas inmediacións da igrexa parroquial e do cruceiro de Santa Dorotea, dous elementos catalogados. Logo de realizar as observacións oportunas, Patrimonio permite a obra dada a "sinxeleza arquitectónica" que permite evitar incidencias nas condicións ambientais da contorna da igrexa.

O novo centro social de Folgoso terá unha superficie útil duns 150 metros cadrados. Adaptarase ás necesidades dos veciños, albergando salas para reunións, actividades e aseos. O orzamento da actuación é de 61.000 euros, subvencionados pola Deputación da Coruña.

O Concello de Abegondo e os veciños da parroquia de Folgoso concretaron un importante cambio no proxecto do centro social. Inicialmente, estaba previsto que a dependencia fose de dúas plantas (segundo o proxecto aprobado en 2008, durante o mandato de APdA), pero os residentes prefiren que sexa só de unha, polo que o goberno local procedeu á súa modificación.

Esta idea dos residentes está avalada polo informe do arquitecto municipal, que encontra dificultades para o cumprimento da lei de accesibilidade se se mantivese en dúas plantas. Agora, o plan consiste na reforma do edificio existente, dado que a súa estrutura reúne as condicións necesarias.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, asegura que a intención do Concello consiste en "ir sempre da man" dos veciños para realizar as iniciativas en función das súas demandas. A aposta do rexedor polos centros sociais foi clara, cunha ampla rede de dependencias, cun deseño útil, que propicien lugares para a reunión e actividades de veciños e agrupacións.

Problema urbanístico

A construción do centro social de Folgoso xa obrigou o goberno local que preside José Antonio Santiso a emprender diferentes xestións na Xunta de Galicia. En novembro de 2007, o equipo do anterior alcalde decidiu incluír a actuación no Plan de Obras e Servizos de 2008 da Deputación. Santiso, por aquel entón na oposición, xa advertiu de que se trataba dun erro porque a parcela onde se pretendía facer a obra non tiña a cualificación urbanística adecuada, era solo rústico.

Isto demorou inevitablemente a obra. Coa volta de Santiso á Alcaldía tramitouse a delimitación do solo de núcleo rural de Folgoso, fórmula necesaria para poder levar a cabo a actuación. A súa aprobación foi comunicada pola Xunta no mes de xuño pasado.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)