Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

O Concello aproba a conta xeral e o plan especial para a rotonda de Mabegondo

O pleno acordou encomendarlle ao Consorcio As Mariñas a realización dun proxecto de eficiencia enerxética na comarca

O Concello de Abegondo celebrou no mediodía de hoxe un pleno extraordinario para abordar diferentes asuntos de interese para o municipio. O pleno aprobou a conta xeral do exercicio 2012, tras non ter recibido ningunha alegación no período de exposición ao público. A liquidación do exercicio produciuse cun remanente de 300.000 euros.

O pleno acordou así mesmo a aprobación definitiva do plan especial de infraestruturas para a construción, por parte da Xunta de Galicia, dunha rotonda na AC-542 ao seu paso por Mabegondo. Trátase dun trámite necesario dado que xa fora aprobado de forma inicial. Espérase que a Xunta, que xa licitou as obras, poida comezar os traballos canto antes, unha vez que se resolveu o emprazamento do cruceiro. A glorieta regulará o tráfico no cruce coa estrada provincial de Oza dos Ríos, que serve de enlace coa autovía A-6. A regulación mediante rotonda incrementará notablemente a seguridade viaria dun cruce que soporta diariamente miles de vehículos e que non conta nin con carrís de incorporación.

A corporación acordou tamén a encomenda de xestión ao Consorcio As Mariñas para a realización dun proxecto de eficiencia enerxética na comarca. O ente comarcal concorrerá ás axudas que proporciona o INEGA.

Ademais, no pleno foron aprobadas unha serie de correccións no Plan Xeral de Abegondo. Trátase de erros localizados tras a súa entrada en vigor e contradicións detectadas entre documentos, informados polo equipo redactor.

Tamén se validaron unhas modificacións de tipo técnico nos proxectos de dotación de céspede artificial ao campo de fútbol de San Tirso, de saneamento en Cullergondo e Xuanzo, e nas parroquias de Mabegondo e Meangos.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)