Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Os 2.700 euros, en total, de soldo anual dos tres novos asesores irán destinados ás asociacións de Abegondo

A creación dos postos obrigou a marcar un soldo, pero os tres asesores decidiron renunciar a el. O alcalde anuncia que o orzamento de 2012 medrará, ao igual que o de 2011, aprobado hoxe polo pleno

Abegondo, 11 de novembro de 2011. O pleno extraordinario da corporación celebrado no mediodía de hoxe en Abegondo resolveu calquera dúbida acerca do novo persoal eventual nomeado polo alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, para colaborar na xestión municipal efectuando labores de asesoramento dada a súa ampla experiencia. Os tres asesores comunicáronlle ao pleno que renuncian a súa asignación económica, que foi de obrigación marcar para a creación dos seus postos, tal e como sempre defendeu o rexedor.

A asignación incluída para cada un deles cinguíase ao mínimo: 900 euros brutos ao ano para cada un por exercer labores a razón de 2 horas semanais. Os tres asesores ofreceron ao Concello tanto a posibilidade de que xa non ordenase ningunha transferencia no seu favor como a de doar posteriormente o diñeiro.

Dado que a primeira vía non resulta tecnicamente viable, optarase pola segunda. O fondo total de 2.700 euros será doado ao Concello para outorgar unha subvención á asociación do municipio cuxo proxecto presentado para tal efecto sexa o mellor valorado polos técnicos municipais.

Santiso recordou no pleno que esta foi sempre a súa intención e a das tres persoas nomeadas, a pesar de que "algúns dixeron maliciosamente o contrario", espetou, en relación ás manifestacións vertidas por AxA nos últimos días.

Francisca Bestilleiro e Cristina Rabón asesorarán en funcións de Deportes e Cultura, mentres que Pedro Sánchez farao en materia de Iluminación Pública.

Orzamento

O principal asunto da orde do día do pleno de Abegondo de hoxe centrouse no orzamento de 2011. Ascende a 2.840.391,21 euros, 48.000 euros máis que en 2010, situación "extraordinaria" na comarca, razoou Santiso. O alcalde felicitou na sesión ao departamento de Intervención polos axustes realizados que permiten o incremento do orzamento.

Pero esta subida non descansará no 2011. Santiso anunciou que o orzamento de 2012 continuará coa liña de crecemento e incrementarase un valor similar a este ano. "As medidas adoptadas en materia económica permítennos subir moderadamente os orzamentos, mentres a maioría dos concellos teñen que meter recortes dun 15 ou un 20%", sinalou o rexedor.

Esta subida para os orzamentos de 2012, cuxa aprobación se prevé para os primeiros meses do ano, pódese deber ao previsible aumento de ingresos do ICIO, ante a previsible aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Sobre o orzamento de 2011, Santiso destacou que o 13,1% do total, 373.102,62 euros, corresponde á área de Servizos Sociais, 24.000 euros máis que no 2010. Inclúe os gastos xerais do departamento, as políticas de igualdade, maiores, persoas con discapacidade, escola infantil, emerxencia social e sanidade.

O goberno local votou a favor do orzamento, mentres que AxA se abstivo, ao igual que o BNG, que ofreceu o seu "parabén" a Santiso pola importancia conferida nas contas a servizos sociais.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)