Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo destina 260.000 euros á construción de rede de sumidoiros en diversas parroquias do municipio

O goberno local aposta por reservar as principais investimentos para a provisión de servizos básicos

Abegondo, 8 de febreiro de 2012. O Concello de Abegondo apunta á dotación de servizos básicos para a poboación como camiño que se debe seguir nos investimentos actuais. A ampliación das redes de sumidoiros constitúe unha das principais frontes a impulsar polo goberno local, tendo en conta as vantaxes que supón para os veciños e para o medio ambiente.

Neste sentido, nas próximas datas, o Concello executará actuacións de instalación de rede de sumidoiros en diversas parroquias do municipio. O montante total que se destinará con esta finalidade superará os 260.000 euros, financiados pola Deputación da Coruña.

O principal investimento será levada a cabo en Cullergondo e Xuanzo. Estes núcleos carecen de rede de saneamento polo que o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, considera "fundamental" que a administración local realice os seus maiores esforzos en proporcionar un servizo básico para os veciños.

Cada núcleo contará cunha rede de sumidoiros independente, de carácter separativo, que derivarán as augas fecais que recollan á estación depuradora que se constrúe en Cullergondo no marco do proxecto Life+ AquaPlann, participado polo Concello de Abegondo, Emalcsa, Augas de Galicia e a Consellería de Medio Rural.

En Xuanzo, construirase un colector principal de 1,3 quilómetros de lonxitude e tres secundarios, que suman 289 metros máis. Mentres, en Cullergondo, o proxecto inclúe a instalación dun colector principal de 1 quilómetro de longo e outros tres secundarios que suman 617 metros.

A actuación contempla a construción de 152 pozos de rexistro e a mellora do pavimento que se levante polas obras. Este proxecto ten un orzamento de 193.000 euros.

En San Tirso de Mabegondo, no núcleo da Igrexa, existe media ducia de vivendas que carecen da rede de sumidoiros, polo que o goberno local propúxose realizar unha pequena obra que amplíe a rede da parroquia. Será instalado un colector principal de 283 metros de longo que finalizará nun pozo. Neste caso, necesitará un investimento de 13.916 euros.

Por fin, o plan de mellora do saneamento do Concello contempla a construción de colectores para o saneamento do núcleo do Couto, pertencente ás parroquias de Mabegondo e Meangos, cun orzamento de 55.000 euros. Este proxecto consiste na instalación de 3 colectores de 696 metros que finalizarán nun pozo de bombeo, desde o que, mediante impulsión, se derivarán as augas á rede existente na actualidade.

 

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)