A vía da servizo a un millar de veciños. A Xunta financiará a actuación
Abegondo, 24 de xaneiro de 2011. O Concello de Abegondo remodelará a estrada municipal que comunica as dúas principais estradas que dan servizo aos veciños do municipio. Trátase da AC-542, titularidade da Xunta de Galicia, e da CP-0105, da Deputación da Coruña. Ambas as dúas conforman o eixe viario abegondense, beneficiando especialmente os 1.000 veciños das parroquias de Abegondo, Cerneda e Presedo.
Actualmente, para enlazar ambas as dúas vías, os usuarios contan cun camiño municipal que presenta un deficiente estado, debido ao deterioro causado polo paso do tempo. Por iso, o Concello, coa colaboración de la Consellería de Medio Rural, emprenderá a remodelación da estrada, "co obxectivo de proporcionarlles un enlace en condicións aos centos de condutores que a diario pasan pola dita estrada", apunta o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes.
O rexedor visitou a estrada sobre a que se vai actuar xunto con Rodolfo Rodríguez-Morales González, xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da Delegación da Coruña e Bruno Martínez de Velasco Astray, técnico de Obra Civil da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia S.A. Tamén estivo presente o concelleiro de Obras, Manuel Eladio Fernández, redactores do proxecto construtivo e membros da empresa adxudicataria dos traballos.
A actuación consistirá na mellora da capa de rodadura do tramo que comprende a CP-0105 e a AC-542, entre Presedo e Vilanova. A estrada será ampliada dos 5 metros de ancho actuais aos 6 metros e limparanse as marxes e gabias existentes.
O proxecto incluirá tamén o pintado de sinalización horizontal e a colocación de sinalización vertical, coa reposición dos sinais de STOP nas interseccións coas mencionadas vías autonómica e provincial.
En total, dedicaranse máis de 270.000 euros á intervención, que Santiso cualifica de "fundamental" para mellorar a comunicación entre as estradas que maior servizo lle dan ao municipio.
San Marcos, 1 - 15318 ABEGONDO