Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Este ano o Concello de Abegondo vai poder contratar quince traballadores a través do Programa de Cooperación 2008

O concelleiro de Urbanismo destaca a sensibilidade da Consellería de Traballo co Concello de Abegondo

Abegondo, 14 de abril de 2008.- O Concello de Abegondo informa de que esta semana pasada o concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández, mantivo unha reunión coa delegada de Traballo, María Debén, para tratar a continuidade de Abegondo dentro do Programas de Cooperación 2008 da Consellería de Traballo.

Así, o concelleiro socialista expúxolle á delegada a necesidade do Concello de Abegondo de contar coa axuda necesaria para a contratación de traballadores para cubrir as necesidades dos servizos municipais. Neste sentido, Manuel Fernández solicitou formalmente do departamento autonómico melloras en servizos municipais e creación de novas dotacións e equipamentos.

Así, segundo Fernández, será necesaria a contratación dun xardineiro, un operador de pa mecánica, un oficial ferreiro rama metal, un albanel oficial de segunda e dous peóns de obras públicas, estas últimas prazas a cubrir por persoas con discapacidade. Para estes servizos a xornada dos traballadores será a tempo completo e o contrato terá unha duración de seis meses.

No que toca á axuda no fogar, o Concello vai contar con tres auxiliares de axuda a domicilio cunha contratación a media xornada polo prazo dun mes e dunha auxiliar máis a media xornada durante sete meses. O servizo de mellora e xestión dos montes e de recursos paisaxísticos vaise poder desenvolver coa contratación a tempo completo durante seis meses dun titulado superior en xestión de recursos paisaxísticos.

O concelleiro socialista destacou a importancia que vai ter para a área de urbanismo a posibilidade que se abre a través do Programa de Cooperación 2008 da contratación dun arquitecto e mais un arquitecto técnico a xornada completa durante medio ano. Outra das iniciativas que vai botar a andar é a creación dun Gabinete de Información para persoas con discapacidade, para esta praza vaise contar cun diplomado en Traballo Social a tempo completo durante seis meses.

Para rematar, Manuel Fernández quixo salientar a boa disposición que a Consellería de Traballo e en especial a súa delegada veñen a mostrar para todas as cuestións que se expoñan desde o Concello de Abegondo.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)