O Concello de Abegondo traballa con todos os sectores da poboación a toma de conciencia colectiva sobre a responsabilidade de todos no coidado da auga. Así, o programa LIFE AquaPlann, que desenvolve o Concello xunto con Emalcsa, Augas de Galicia e Medio Rural co obxectivo de mellorar a calidade das augas no contorno do encoro de Cecebre, contempla unha serie de actividades de sensibilización.
Neste ano de duración destas actividades, foron centos os escolares e universitarios que participaron. Agora, o Concello estende o programa a un sector que aínda non se implicara: os pequenos de 1 a 3 anos de idade.
Un total de 36 nenos da Escola Infantil Municipal de Abegondo, xunto con 30 pais e nais acompañantes, e 4 mestras, desprazáronse ata o parque fluvial de Beche, recentemente inaugurado polo Consorcio As Mariñas, para iniciar a concienciación ambiental destes pequenos.
Visitaron o novo espazo fluvial, realizando o paseo completo, de case un quilómetro de lonxitude. Acompañados de dous técnicos do Concello, recibiron a explicación do ciclo da auga.
Con esta acción levada a cabo a finalidade consiste en avanzar na concienciación medioambiental en idades temperás. Esta visita compleméntase co programa de ensinanza impartido na escola.
O goberno local aposta por que a mellora na calidade das augas non se consegue exclusivamente con actuacións ou obras. Resulta necesario que os cidadáns coñezan o funcionamento, valoren a súa responsabilidade e as consecuencias das malas praxes. Por iso, o LIFE inclúe accións con escolares de infantil, primaria, e secundaria, universitarios, alumnos de FP e agora con pequenos da gardería, estando previsto unha actividade con colectivos de persoas con discapacidade.
San Marcos, 1 - 15318 ABEGONDO