Abegondo, 4 de abril de 2012. A proposta de Plan Xeral de Ordenación Municipal impulsada polo goberno local de Abegondo avanza cara a súa aprobación definitiva. O Concello fixo entrega onte do documento á Xunta de Galicia para que proceda á súa tramitación ambiental, último paso antes de que o pleno da corporación poida aprobalo de forma provisional.
O Concello entregou o PXOM tras recibir os informes favorables das distintas institucións que debían validalo. O último foi o correspondente de Patrimonio, que deu o seu visto e prace ao documento.
Con esta situación actual do proceso, o goberno local estima que o pleno da corporación poderá aprobar de forma provisional o documento urbanístico no mes de xuño. Tras esa aprobación, a Xunta terá que dar o seu visto e prace para que o PXOM entre en vigor, cuestión que o Concello prevé que suceda en verán.
E é que o texto do Plan Xeral foi concretado entre o Concello de Abegondo e a Xunta de Galicia nun encontro celebrado o pasado mes de febreiro. Nesa reunión deuse por cerrado o documento tras os cambios realizados e as alegacións recibidas tras a aprobación inicial por parte do pleno da corporación.
A Xunta aceptou o número de vivendas contempladas no PXOM, tras as alegacións recibidas e o novo estudio de estrutura realizado. A proposta cifra en 2.500 casas as que permitirá construír o novo plan.
Así mesmo, Urbanismo considerou acertados os criterios seguidos polo equipo redactor para a delimitación de núcleos rurais. Tamén sobre o solo urbano entendeu adecuadas as propostas do Concello.
O PXOM estrutura Abegondo en tres rexións de ordenación diferenciadas:
Rexión metropolitana: situada no contorno do Encoro de Abegondo-Cecebre, prevé un uso residencial exclusivo dado o trabalo deslocalizado que se produce na área metropolitana.
Rexión rural: no sur - oeste do municipio predomina o sector primario intensivo cunha actividade económica que se dá na propia parroquia.
Rexión rururbana: en torno ao centro do concello, no que conviven os usos residencial e agrogandeiro.
"O crecemento do concello prevese sobre todo no contorno das estradas de Betanzos e de Cecebre, seguindo sempre un modelo sostible", explica Santiso.
San Marcos, 1 - 15318 ABEGONDO