Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

A Xunta completou os traballos de asfaltado nos accesos a Mabegondo pola AC-221 solicitados polo Concello

A actuación permitiu a ampliación de beiravías e de prazas de aparcamento. O alcalde destaca que se mellora a seguridade viaria nunha das principais estradas do municipio.

Imaxes

Abegondo, 20 de abril de 2012. A construción de beirarrúas entre Crendes e Mabegondo, na AC-221, foi unha das actuacións realizadas polo Concello de Abegondo no ano 2010 a cargo del denominado Plan E. O investimento de 93.000 euros serviu para enlazar dúas das parroquias máis habitadas de forma segura para os peóns.

Á hora de executar aquel proxecto os propietarios de terreos á beira da estrada permitiron que as beirarrúas acabaran nos seus peches, cuestión non contemplada no proxecto inicial. Por iso, quedou pendente o acondicionamento da calzada entre as beirarrúas e o carril de circulación, dado que o orzamento non era o suficiente para aquela modificación.

O Concello de Abegondo solicitou á Xunta de Galicia, propietaria da estrada, a realización da mellora. Nas últimas semanas, unha empresa contratada pola Xunta traballou en Crendes para asfaltar ese tramo, propiciando o acondicionamento das prazas de aparcamento e das beiravías.

A realización destes traballos supuxo un investimento do goberno galego duns 13.000 euros.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, agradece a colaboración da Xunta para emprender uns traballos de pequena envergadura pero que serven para "completar a dotación de seguridade viaria nunha das principais estradas do municipio". En concreto, o tramo a actuar vai desde o núcleo de Crendes, ata o viaduto da AC-211 sobre a autovía A-6, no núcleo de Outríx.

Coa construción das beirarrúas nese treito, o Concello prolongou as xa existentes en Crendes.

Beirarrúas de acceso ao cemiterio

Estes traballos realizados na AC-211 non son os únicos en marcha para mellorar a seguridade viaria nos accesos a San Tirso de Mabegondo. Na vía que enlaza esta parroquia con Carral e o acceso á A-6, a Deputación da Coruña está construíndo beirarrúas desde a AC-542 ata o cemiterio, para propiciar que os peóns accedan con seguridade.

Trátase dun cemiterio moi frecuentado polos veciños en todas as épocas do ano. Hoxe en día non dispoñen máis que unha beiravía para chegar a el desde as súas vivendas ou incluso desde a igrexa, o que se agrava á hora de celebración de servizos fúnebres.

De cara a afectar o mínimo posible ás propiedades do contorno, a obra consiste en que desde o cruce coa AC-542 ata o taller mecánico, as beirarrúas discorran pola marxe esquerda. Nese punto, establecerase un paso de peóns para enlazar co tramo restante, desde o taller ata o cemiterio, que discorrerán pola parte dereita da calzada.

"A creación dun acceso que evitará riscos ás persoas era fundamental", sostén o rexedor. Santiso recoñece encontrarse contento por poder por fin executar un proxecto "moi desexado por todos", cun investimento de 200.000 euros. O primeiro edil recorda que se trata dun núcleo con moitas vivendas con veciños que diariamente visitan o cemiterio.

 

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)