O Concello pide que o tráfico pesado evite a calzada e empregue a rede viaria provincial e autonómica. Trátase dunha vía que une as dúas estradas principais do municipio.
Abegondo, 1 de marzo de 2011. As obras de ampliación da estrada de Presedo, que enlaza a AC-542 coa CP-0105, as dúas principais vías do municipio, obrigarán á empresa adxudicataria a efectuar cortes por tramos nas xornadas dos próximos xoves e venres. Os tramos iranse pechando totalmente ao tráfico xa que operará unha máquina compactadora de 6 metros de ancho, o que impide o paso doutros vehículos.
A construtora derivará o tráfico por vías alternativas a través das estradas municipais que discorren polos arredores da estrada en obras. O Concello de Abegondo pide aos condutores de vehículos pesados que eviten estes dous días utilizar esta estrada e discorra pola rede viaria provincial e autonómica que atravesa Abegondo.
O Concello pídelles desculpas aos veciños e usuarios da vía polas molestias que poidan orixinar estes traballos, ao tempo que agradece a comprensión ao tratarse dunha actuación que mellorará sensiblemente a seguridade viaria dunha estrada que dá servizo especialmente aos 1.000 veciños das parroquias de Abegondo, Cerneda e Presedo.
Ata agora, tratábase dun camiño municipal que presentaba un deficiente estado, debido ao deterioro causado polo paso do tempo. Por iso, o Concello, coa colaboración da Consellería de Medio Rural, emprende a remodelación da estrada, "co obxectivo de proporcionar un enlace en condicións aos centos de condutores que a diario pasan pola dita estrada", apunta o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes.
A actuación consiste na mellora da capa de rodadura do tramo que comprende entre a CP-0105 e a AC-542, entre Presedo e Vilanova. A estrada será ampliada dos 5 metros de ancho actuais aos 6 metros e limparanse as marxes e gabias existentes.
O proxecto incluirá tamén o pintado de sinalización horizontal e a colocación de sinalización vertical, coa reposición dos sinais de stop nas interseccións coas mencionadas vías autonómica e provincial.
En total, dedicaranse máis de 270.000 euros á intervención, que Santiso cualifica de "fundamental" para mellorar a comunicación entre as estradas que maior servizo dan a municipio.
San Marcos, 1 - 15318 ABEGONDO