Ir ao contido

Concello de Abegondo

 
avanzada
inicio | mapa web | contacto |

Accesos Rápidos

Abegondo impulsará as feiras tradicionais coa modernización dos equipamentos do campo da feira

O espazo contará cunha nova pérgola e aproveitarase o aparcadoiro do colexio. A Consellería de Industria subvenciona a actuación. Santiso sinala que se dotará o espazo dunha maior funcionalidade e unha maior seguridade.

Abegondo, 29 de agosto de 2011. O Concello de Abegondo prepara a execución do Plan Ágora, encamiñado á modernización dos equipamentos comerciais do municipio. En concreto, a actuación diríxese á remodelación do campo da feira de San Marcos, punto que recibe mensualmente a centos de persoas con motivo das feiras tradicionais e demais eventos organizados polo goberno local.

O plan inclúe a reforma de varios elementos do campo da feira, que requiren unha modernización tanto para conferir unha maior funcionalidade como para garantir ao máximo a seguridade dos participantes, sinala o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes. Así, o proxecto inclúe tres zonas de intervención: a pérgola que cobre o espazo onde se sitúan os feirantes, a creación dunha zona de aparcamento e os bancos de pedra situados no espazo.

Actualmente, os postos da feira instálanse baixo unha pérgola, que conta cunha estrutura de madeira, de 48 metros de lonxitude. O arquitecto constatou que presenta deformacións que fan necesario o proxecto. O Concello substituirá esta pérgola colocando no seu lugar unha nova, con estrutura en aceiro, unha cuberta de chapa e con baixantes de PVC.

En segundo lugar, o escaso sitio de aparcamento que ofrece o campo da feira levou ao Concello a procurar un estacionamento alternativo, dado que o espazo está ateigado de xente na celebración das feiras (os segundos domingos de cada mes). Analizadas in situ as posibles alternativas, aproveitarase a presenza do colexio xunto ao campo da feira para aproveitar o seu aparcadoiro.

Así, o plan contempla a creación dun acceso adecuado á explanada do centro educativo. Para iso abrirase unha entrada no muro existente, onde se colocará un portal corredizo cunhas dimensións de 6 metros de ancho e 1,5 metros de alto.Por último, a actuación incluirá a reparación dos bancos de pedra, deteriorados co paso do tempo. Neste sentido, os traballos consistirán no pulido da súa superficie, redondeando os cantos frontais e laterais para protexer os usuarios.

En total, o Plan Ágora supón un investimento de 45.498,07 euros. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, acaba de comunicarlle ao Concello a concesión dunha axuda de 34.123,55 euros para o seu desenvolvemento, distribuídos en dúas anualidades de 19.109,19 euros e 15.014,36 euros para 2011 e 2012, respectivamente.

El alcalde amosa o seu agradecemento á Xunta pola inxección económica que fará viable un proxecto encamiñado a "mellorar un dos focos de actividade económica principais de Abegondo". Santiso, que recorda que nas feiras tradicionais se instalan uns 50 postos, considera que o desenvolvemento comercial do municipio vai moi ligado ao sector primario polo que entende que o Concello debe apoialo ao máximo.

Ademais das feiras tradicionais, o campo da feira vén acollendo eventos anualmente que reúnen a centos de persoas en Abegondo, como a feira cabalar, a feira canina, a feira do queixo e diversas degustacións gastronómicas.

Concello de Abegondo

Tfno. Centraliña: 981 647 909 | Enderezo: San Marcos, 1. 15318 Abegondo (A Coruña)