O pleno de Abegondo aproba solicitar unha subvención de 136.000 euros destinada ao proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal
O Goberno de Abegondo di que o representante do PP terá que responder ante os veciños da súa xestión ao fronte do urbanismo municipal
Abegondo, 30 de outubro de 2007.-O Concello de Abegondo informa de que hoxe, ás 10:00 horas, tivo lugar o pleno extraordinario e urxente no que se aprobou, por unanimidade dos presentes, o solicitar a subvención da Consellería de Política Territorial para sufragar os gastos pendentes no proceso de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A axuda que concede a Consellería alcanza o 90 por cento do total, no caso de Abegondo o importe da redacción do proxecto do PXOM é de 156.000 euros, dos cales o Concello solicita 136.000 euros, cantidade máxima contemplada na orde que regula a devandita subvención. A ausencia dos representantes do grupo da oposición –PP- foi a única nota que se debe salientar no transcurso da sesión, que tivo unha duración de 10 minutos.
Ausencia
A ausencia do grupo popular ao completo é interpretada polo Goberno de Abegondo como unha estratexia do seu líder para non responder da súa xestión ao fronte do urbanismo na súa etapa de alcalde. Neste sentido, o Goberno Local indica que “xa non val o agocharse” e que o máximo representante do Partido Popular no municipio vai ter que responder ante os veciños das súas anteriores responsabilidades.